miércoles, 9 de julio de 2014

Galega...


Nacín nunha terra única, onde as persoas sempre queren saber máis, onde te enquisan cada vez que fas unha pregunta para ter tódolos datos, non vaia ser que por culpa dunha pregunta non feita che dean un mal consello; porque os galeg@s nos tomamos as cousas moi en serio e con moita retranca; porque somos o pobo da contradicción e da eterna pregunta.
- Mamá, de onde veñen os nenos?
-E tí, para que o queres saber?
-E que o outro día oinlle dicir a Sra. Maruja que a súa filla ía ter que buscalos a París.
-E cando o dixo, miña nena?
- Pois onte, lavando no río.
-E de que filla falaba?
-De María.
- E logo? Veu de visita?
-Non, é que a Sra. Maruja foi a pasar a fin de semana na casa da filla.
-E foi ela soa?
-Iría co seu home, eu que sei! Eu o que quería saber é de onde veñen os nenos, mamá, se é certo que hai que ir buscalos a París.
-Pois se a Sra. Maruja dí que hai que ir a París, será que veñen de alá. E logo tí por que o queres saber?
-Para ir aforrando, que eu quería ter seis fillos, pero se hai que ir tan lonxe...
-Saca, rapaza, seis fillos. Anda! Vai facelos deberes.
E alá vai a rapaza cabilando para que demos fai falla ir tan lonxe a buscalos nenos se ao seu irmán o trouxeron da Romaría de A Lanzada, que llo oíu ela ao avó. E contenta queda a nai que xa ten información de abondo para chismorrear na peluquería ou no café coas amigas.

Pero, ás veces, non sempre sae ben o interrogatorio.

Ían dous nenos para a casa. Baixaran do autobús do colexio na parada que lles quedaba máis preto. Polo camiño, encontráronse un vello veciño, o home non os recoñeceu a pesares de vivir ao lado.
-Bos días!
-Bos días, señor!- contestaron os nenos.
-Vindes do colexio?
-Vimos.
-Ah, moi ben. E vivides por aquí?
-Sí, claro.
-E logo de quen sodes?
-Do noso pai e da nosa nai. Bos día, señor.

E o pobre home quedou a rabear.

Sí, definitivamente, somos moi preguntóns, ha ha ha ha ha (onomatopeia de gargallada en galego)
 (Mary Camiña. "Cousas da vida")

No hay comentarios:

Publicar un comentario