martes, 17 de junio de 2014

O raposo mailo galo van a unha voda no ceo.




Era unha vez un raposo que era vexetariano pero lle tiña certa tírria a un galo moi fachendoso e argalleiro que vivía cerca, pero xa canso de que se terminara burlando del, argallou unha forma de sairse por unha vez coa súa; así que acercouse un día, cando estaba na póla dunha árbore e lle dixo:

-Mira, galo, estou farto de estar sempre a rifar contigo, recoñezo que tí es máis listo ca mín, así que, se che parece ben, quero que fagamolas paces.
-E por que me hei de fiar de tí? Es capaz de paparme nun descoido...
-Va! Tí xa sabes que o fago para facerte rabiar, que eu sonche vexetariano. Mira, ho!, para que vexas que estou a falar en serio, invítote a comer mañán na miña casa...
-Bueno, sexa logo...- dixo o galo sen se fiar moito.

Ao día seguinte, o galo preséntase na casa do raposo, con moita prudencia. Non as tiña todas con él, ainda que cheirar cheiraba a cereais... Á porta da casa estaba posta unha mesa con dous cubertos e unha tarteira enriba.

-Benvido, galo! Como fai un bo día puxen a mesa fóra, non che importará?
-Que me vai importar! Iso mesmiño che ía propoñer eu.

O raposo levantou a tapa da tarteira e repartíu dúas cullaradas de papas de centeo con trigo quentes para cada un. O raposo púxose a comer con gran afán, pero o pobre do galo, como tiña peteiro e non boca apenas puido comer.

-E logo, galo, non tes fame? Mira que están boas estas papas. Ummm- relamíase o raposo.
-E que, hoxe almorcei moito e non che teño fame...- decía o galo disimulando, xa que si que estaban ben boas as condenadas...

Na cara do raposo víase que o fixera adrede e o galo marchou todo cabreado, pensando para sí que xa lla pagaría, rirse así del.

Ao cabo duns días, voltan encontrarse o galo e o raposo.


-Bos días, raposo- dille o galo.
-Bos días, gustáronche as papas do outro día?- contestoulle o raposo con retranca.
-Si, oh! Gustaron, mágoa que estivera xa farto. É o que che ten isto de estar sempre convidado a tantas festas e comilonas.
-Vai! Non che sabía eu que tiveras tantos convites.
-Pois si, mira por onde, acabo de ser convidado a unha voda.
-Unha voda?- interesouse de seguido o raposo.
-Pois si, éche unha voda moi especial, disque vai ser a “voda do ano” pola abundancia de manxares e lambetadas, que ata trouxeron un cociñeiro extranxeiro especialista en todo tipo de grans e verduras.
-Hoooo! Que sorte tés- díxolle cos ollos fóra do sitio e relaméndose- quen puidera ir.
-Agora que o penso, a miña invitación é para dous, se queres vir...
-E levaríasme contigo?
-Como non hei levarte co boas que estaban as papas do doutro día?, sería ser mal amigo. Pero hai dúas condicións para poder ir á boda, que non sei eu...
-Xa sabía eu que o dicías por dicir, que non queres que vaia contigo..., co que me custou facer as papas...
-Bueno, algo se poderá facer ao respeto... A primeira condición é ir limpo coma unha patena e traxeado, a outra é..., esto xa é máis complicado...
-Díme! Non ha ser para tanto!
-E que... a voda é no ceo!
-Como? No ceo? Ti estás tolo!
-Si, no ceo, prepararon un gran cumio dunha montana onde só se pode ir voando, para que os animais carnívoros non poidan chegar a ela, pero, claro..., coma ti es vexetariano pois non lles importará que vaias.
-E como vou chegar aló arriba se eu non teño ás?
-Ufff!, pois vai ser un problema si, …, se ainda pesases algo menos...
-Eiii! Estasme a chamar gordo?
-Non, ho! É que se estiveses máis fraco, igual podía contigo e te podía levar agarrado nas patas...
-Pois se é por iso, non te preocupes, cando é a voda?

-Para a semana que ven.
-Pois para a semana que ven podería pesar cinco quilos menos, será suficiente?
-Podería, pero mellor que sexan seis quilos menos.
-Feito! Quedamos logo para a semana. E moitas gracias!

Alá foi o raposo todo contento por ser convidado a unha voda de tan altos voos. Pasou toda a semana facendo exercicio e dieta para perder os quilos pactados, pensando que semellantes manxares ben valían a pena tal sacrificio. Chegado o día, sen embargo, só perdera catro quilos e medio, ainda así víase moito máis lixeiro, así que pensou que o galo ven podería con el.

-Vaia, vaia! Que elegante estás!- díxolle o galo.
-A que se me ve máis lixeiro e delgado?
-Pois sí, pero ainda así, non sei eu se poderei contigo.
-Si que podes, se es un galo forte e grande- retrucou o raposo, sen deixar de pensar nos grandes manxares que os agardaban.
-Buemo, pois imos aló. Agárrate ben ás miñas patas que alá imos! E non mires para baixo!

E o galo saíu voando co raposo colgado das patas. Xa levaba subido bastante, cando deixou cair disimuladamente, un pouco de manteiga polas patas abaixo e o raposo comezou a escorregar.

-Oe, ti! Deixa de suar tanto que estou esvarando!
-E que pesas moito, para mín que non adelgazaches todo o que acordamos.
-Ai! Ai! Que esvaro! Baixa, baixa!
-Xa  vou, xa vou...
-Date presaaaaaaaaaaa....

E o raposo caíu. Ía polo aire pensando que, cun pouco de sorte, caía nunha meda de palla, pois alá abaixo vía como uns campesiños colocaran todo o trigo en medas e se dispoñían a mallalo. Pero así como se ía a cercando, foise dando conta que xusto ía caír na eira onde estaban a mallalo trigo. 


Entón o raposo fíxose unha promesa a si mesmo.

-Se desta me salvo e non morro, xuro que, por moi bos manxares que teña, non quero saber máis de vodas ao ceo, eu quedo en terra.

(Recollida por Mary Camiña. "Contos populares")

No hay comentarios:

Publicar un comentario